Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Quenlla: moito máis ca un grupo musical

lunes, 18 de agosto de 2008
Comparto unha fermosa historia. Vivida desde dentro. Con milleiros de feitos compartidos na compaña e amizade dos poeta/músico/profetas Mero/Mini, co/fundadores dos dous grupos, quizás, máis comprometidos coa Terra, que tivo a música popular galega cantada nos últimos anos do século XX e os primeiros do XXI. Tiven a oportunidade de vivir e compartir as súas orixes e desenvolvemento. Mesmo as súas medras. O feito/acontecemento de Fuxan os Ventos (1972/82) e o posterior de A Quenlla (1984/2008). ¡Unha regalía!

Á hora de elixir tema para o libro/homenaxe aos meus amigos/as de A Quenlla (1984/2008) sentín a obriga de subliñar algunhas das facianas máis profundas (algunhas descoñecidas) da súa ben aproveitada vida e obra. Este grupo musical lucense foi quen de manter sempre acesa a chama dunha loita constante por recuperar e devolverlle ao pobo galego a riqueza da súa abondosa cultura popular, moito tempo acubillada. A lingua galega e a tradición oral, tanto nos ditos, feitos e costumes, como na fermosura da súa música, están en débeda con este e outros grupos semellantes. Por iso, aplaudo estas e outras homenaxes. O recoñecer e honrar este impagable labor é unha maneira axeitada de loitar tamén pola cultura. Pola miña banda, xunto ao recoñecemento quero aportar uns sinxelos detalles coa vontade de aclarar algunhas dúbidas e mesmo desfacer certas enguedelladas interesadas que lles foron engadindo ao correr dos anos acerca das orixes, causas e razóns do nacemento de A Quenlla. ¡Hai distancia dabondo, suficiente, para que, os que queiran ver, saiban a verdadeira e auténtica historia!

Os froitos dunha difícil rachadura

A Quenlla, como grupo musical, nace no ano 1984. Dous anos despois da derradeira escisión de Fuxan os Ventos (febreiro,1982) Xorde, precisamente, cando o veterano grupo estaba xa a piques de perder a súa identidade e filosofía orixinarias que nunca debera ter abandonado. De principio, a rachadura semellaba unha desgraza. Por fortuna, non foi así, xa que resultou ser un feito altamente positivo. ¡Necesario e oportuno naquel intre! Houbo que se definir e optar, con valentía e claridade, para saír da inercia/apatía e desbotar moi lonxe as loitas absurdas e estériles que alentaban devezos e falsas ilusións económico/profesionais da maioría dos seus membros daquela etapa. A rachadura fai renacer unha nova, renovada e apaixonante vida. ¡A volta ás orixes!.

Mero e Mini sabían moi ben o que facía falla, o que querían e era preciso retomar. Tiñan oficio e viñan cargados da experiencia vivida perante moitos anos. Chegaban de vivir o contacto persoal coa xente da aldea, cos poetas da Terra e da Diáspora, despois de estaren mergullados na historia e na vida do pobo nas escolas rurais e de comprobar que este sufrido e calado pobo fora (¡e seguía a ser!) desprezado, sobre todo, na súa vida cultural e musical. Decatáronse de que había forzas para recuperar a memoria e a súa escasa e baixa auto/estima. Había que cubrir o desconcerto e o gran baleiro que se vía vir (¡xa comezara!) co feito da fuxida masiva a modelos de música, alleos á cultura galega e mesmo con descarado desprezo da nosa. ¡Abonda con lembrar os grupos (¡ao redor de medio cento!) e o tipo de música que se estaba a producir desde o ano 1980 ao 2.000. ¡Novo deserto na música popular!

Falan os feitos: “Obras son amores........”

Dínolo o refrán: “sobran palabras cando falan os feitos”. Ese é o noso caso. Pasada a etapa máis brillante da musica popular galega, coas fortes pegadas dos grupos Milladoiro (na música instrumental) e Fuxan os Ventos ( na cantada) converteuse en moi oportuna, e mesmo necesaria, a presenza de “A Quenlla” que volve ao traballo habitual (¡nunca interrompido!) de recolla, estudo e parella divulgación do rico e abondoso folclore musical da Terra. Comeza a fermosa e produtiva etapa da edicións de discos, vídeos e publicacións de parte do seu tamén rico e abondoso arquivo. Saen á luz os vídeos: “A Historia da Lingua Galega” (romance) con letra de Manuel María; “70 anos de nacionalismo”; “Os señores da Palabra” e “Luís Pimentel” (Ophiusa); “Manuel María da Terra Chá” e “Fiz Vergara Vilariño” (Citania). No ano do nacemento, 1º LP: “Os tempos aínda non, non son chegados” (1984); “Európolis” (1988); “Máis aló da néboa” (poetas Pimentel, Luís Seoane e Lorenzo Varela); “Terra” (1992); “Nadal en galego: Galicia canta ao Neno” (1994); “A Casa que nunca tivemos” (1996) (musical, Marica Campo); “As nosas cancións” (1997/98), (Recompilacións) “Namórate da vida” (temas droga, Proxecto Home);”Silencios na memoria” (2004) (recuperación histórica) e “Chill Out Celta en Galicia” (Mero/Mini e artistas de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña e A Quenlla). En preparación, unha xigantesca montaxe dunha obra de calibre histórico en Galiza.

Publicacións de libros: “A carón da escola” (2 volumes de cantos de nenos); “Cantos de Reis e Nadal”; ”Contos de vellos para nenos”; “Novos contos para nenos”; Somos lenda viva” (Citania) e dous grandes volumes de “Cantos, coplas e Romances de Cego” (I-II), con 5 CDs, coas voces orixinais dos informantes. A este labor cómpre engadir a morea de conferencias, debates, charlas, mesas redondas, artigos e comentarios nos medios de Comunicación, Universidades, Institutos, Colexios, Asociacións culturais e apoio incondicional ás asociacións socio/culturais e a todo grupo que precisara da súa colaboración. ¡Sempre gratuíta e altruísta! Algo que soa a escaso e raro neste noso individualista, materializado, consumista e globalizado mundo.

¡Autenticidade, fidelidade, traballo e.... resistencia!

Con eles mesmos. Viñeron de “abaixo/arriba”. Souberon ser “observadores, aprendices e artesáns” e sempre se consideraron “debedores agradecidos da xente da aldea”. Foron fieis aos seus principios, a Galiza e á súa xente; con coherencia, seriedade e autenticidade no traballo, feito a conciencia e con paciencia. Mantiveron unha resistencia activa en tempos de crise e mesmo de acoso á nosa cultura, incluída a lingua. O seu inmenso e inconmensurable traballo está á vista. Entregáronse sen medida. Coa mente e co corazón. ¡A fondo perdido! Moito máis do que aquí aparece. Mini e Mero levan desde o ano 68 (o do maio francés) data na que eu os coñecín e por iso o podo acreditar. Moitos anos vividos con intensidade e alegría, sempre dispostos a traballar e co senso da gratuidade por bandeira. Cómpre compartir gratis o gratis recibido Hai toneladas de amor, de entrega, de tempo, de constancia, de sacrificio, de moitas noites sen durmir. Abondan testemuñas da súa loita a prol dos valores da xustiza, da verdade, da esperanza, da liberdade, do amor...Do amor aos vellos, aos nenos, aos xoves, aos labregos e mariñeiros, aos obreiros do mar e da terra, aos marxinados, á muller galega, aínda sometida, marxinada e maltratada. Aos emigrantes de todos os tempos. Moreas de amor á Terra, Nai e Señora. Tampouco se lles pegou a lingua ó padal á hora de denunciar inxustizas, opresións, caciquismos, lixos, abuso dos pequenos e dos pobres, xogos sucios da política, enganos e traizóns. ¡Outro xeito de amar! A súa música e poesía están a reverter mensaxes positivas de vida e de esperanza.

Aí quedan algunhas das probas destes valentes e coherentes personaxes, rapazas e rapaces que pasaron polo Grupo. Algunhas das mozas (irmás Fernández) están desde o principio. Poucas persoas e grupos poden presentar semellante balanzo de obras e mesmo de resistencia ante tantas reviravoltas que está a dar o mundo e que aguantou de xeito descarado a nosa sempre sufrida Galiza. E tamén as malleiras que lle zorregaron á nosa música popular nestes corenta anos que os membros de A Quenlla foron/son testemuñas de excepción e pioneiros na súa defensa. As galegas e galegos (“bos e xenerosos”) que abondan no País, agradecen a vosa loita, o voso traballo, a vosa entrega, a vosa fidelidade e a vosa coherencia! Seguide a ser sempre “Sementadores de esperanza e futuro”. Que nunca máis sexa preciso volver a dicir e/ou cantar: “¡os tempos aínda non... non son chegados!”¡Noraboa e Felicidades, queridos amigos e amigas, de A Quenlla! Apertas para todas e todos. Voso amigo, Xesús Mato.

(Publicado no Libro/Homenaxe á Quenlla: “O traque da Quenlla” .
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


Editorial

Seguridade nas rúas: Ninguén está exento de riscos na vida cotián, no rural ou no urbano. Sen emb...
BUSCADOR


AGENDA
Agenda de Galicia Digital
PUBLICIDAD
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoción Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones
Publicaciones
Ranking Alexa
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información