O piloto de rallys Avelino Basanta foi recibido polo vicepresidente da Deputación, o nacionalista, Antón Bao. Basanta chegou, ata os xardíns do Pazo de San Marcos, no seu coche de competición adaptado. Avelino Basanta explicoulle a Antón Bao as especiais características e modificacións realizadas no vehículo para que este poida ser manexado por persoas, que como Avelino, padecen limitacións físicas importantes. Avelino achegouse á deputación acompañado do Presidente da Asociación Basanta Motor Sport.
Antón Bao sinalou a Avelino Basanta como “un auténtico exemplo de superación e de integración a través do deporte”. O vicepresidente da Deputación, nunhas palabras aos medios de comunicación, quixo resaltar que Avelino é un dobre exemplo para os mozos e mozas, tanto como testemuña directa das nefastas consecuencias que poden chegar a ter os accidentes de tráfico, como pola capacidade de sacrificio e ánimo de superación que Avelino demostrou ata chegar a acadar o seu obxectivo de converterse en piloto de rallyes. Antón Bao engadiu tamén que “as áreas gobernadas, na Deputación de Lugo, pola forza política que represento teñen entre os seus obxectivos a promoción do deporte e posibilitar a igualdade de oportunidades para todas as persoas. Iniciativas como a de Avelino Basanta e da Asociación Basanta Motor Sport teñen un interese manifesto, tanto para a promoción do deporte galego, como para a integración de persoas con capacidades diferentes a través do deporte”
Este piloto, nado en Muimenta no ano 1977, sufriu un grave accidente de tráfico o 17 de agosto de 2002 en A Campiña cando o vehículo que conducía se empotrou nunha farola. Tras volcar, o coche incendiouse e Avelino padeceu queimaduras en case o 80 % do seu corpo. Tras máis de 200 días de ingreso hospitalario, no que sufriu a amputación da perna esquerda, Avelino iniciou un longo proceso de rehabilitación para superar as graves secuelas producidas polas queimaduras e a perda de mobilidade nunha das súas mans. Tras participar en varios rallys como copiloto Basanta púxose, por primeira vez, aos mandos dun Peugeot 106 GTI no ano 2006.
UN TRIUNFO E UN OBXECTIVO
Avelino Basanta ven de acadar, a pasada fin de semana, o segundo posto no Grupo A da Clase 6 do Rally de Narón. Para o piloto lugués acadar este segundo posto supuxo un auténtico triunfo. Nesta proba, na que Basanta estreaba o seu Ford Ka adaptado, o obxectivo era o de chegar ata a meta sen complicacións. Avelino Basanta tivo que facer un auténtico exercicio de conducción, co seu novo coche, xa que somentes tivo tempo a adaptar o embrague e o acelerador, o freno tivo que manexalo co pe o que supón para el un verdadeiro problema debido ás súas limitacións físicas.
O próximo obxectivo de Avelino Basanta é poñer en marcha unha escola de pilotaxe para persoas con discapacidade. Para poder poñer en marcha este obxectivo constituíuse a Asociación Basanta Motor Sport. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, recibiu con interese esta proposta e manifestou a súa disposición para facer xestións encamiñadas a posibilitar os medios necesarios que sirvan para apoiar esta iniciativa que xunta a promoción do deporte e a integración das persoas con capacidades diferentes.
Bajo el título Voluntarios de Argentina en la Guerra Civil Española se presentó un libro en el Museo de la Emigración Gallega en Buenos Aires en el que se recogen historias de voluntarios que se enrolaron en el ejército republicano y en las brigadas internacionales durante la contienda española.

